Print this page

Os Bolechas percorrerán a xeografía do país este Nadal

Rate this item
(0 votes)

Os Bolechas, a familia máis famosa de Galicia, volven aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) polo Nadal, da man de edicións Bolanda, do goberno de Galicia, Gadis e a Televisión de Galicia (TVG). Os representantes institucionais destas entidades presentaron onte no Pazo de San Roque a xira da nova proposta, que chegará do 21 de decembro ao 7 de xaneiro aos concellos de Guntín, Abadín, Trazo, Redondela, Bergondo, Salceda de Caselas, Padrón e Viana do Bolo.

“Os Bolechas non podían faltar á cita na nosa RDL, que sempre os acolle nas súas programacións municipais de lecer para celebrar o nadal e ofrecer cultura segura cos mellores referentes galegofalantes da cativada”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención. “Con todas as precaucións e a través dun espectáculo adaptado ás estritas medidas que require a situación hixiénico-sanitaria, seguimos apostando polas actividades culturais e polos artistas que nos axudan na tarefa de dinamizar a lingua galega entre a cativada e promover a súa transmisión interxeracional”, destacou.

A proposta teatral con monicreques manipulados arranca o luns 21 de decembro, en Guntín, coa única función escolar da xira (no CPI Tino Grandío, ás 11.30 h.) e prosegue en Abadín, o sábado 26 (no salón de actos municipal, ás 18.00 h.); o domingo 27 en Trazo (espazo e hora por concretar); o martes 29 en Redondela (no Multiúsos da Xunqueira, ás 18.00 h.); o sábado 2 en Bergondo (no Auditorio da Senra, ás 18.00 h.); o domingo 3 en Salceda de Caselas (no Auditorio Municipal, ás 18.00 h.); o luns 4 en Padrón (no Auditorio Municipal, ás 18.00 h.) e o xoves 7 en Viana do Bolo (na Casa da Cultura, ás 18.00 h.).

Coma sempre, a asistencia a todas as funcións é de balde, aínda que, debido á situación, os oito concellos xestionan cadanseu sistema de reserva previo de entrada. Toda a información e calendario pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Os Bolechas naceron no ano 2000 da man do ilustrador e debuxante vigués Pepe Carreiro e ao longo destes anos asentáronse no eido editorial galego con máis de 550 títulos publicados e preto de millón e medio de exemplares distribuídos. Edicións A Nosa Terra foi a editorial encargada da edición da serie ata a súa desaparición no ano 2010. Edicións Bolanda foi a encargada de retomar o proxecto nesta nova andaina, na que se ampliaron as propostas arredor dos Bolechas, como unha serie de televisión para a TVG.