Print this page

O uruguaio Martín León-Barreto gaña o IV Premio Compostela de Álbums Ilustrados

Rate this item
(0 votes)

O xurado do IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, organizado pola Concellería de Educación de Santiago de Compostela e a editorial pontevedresa Kalandraka, elixiu o traballo titulado El camino de Olaj, do uruguaio Martín León-Barreto Johnson coma o gañador desta edición. Nesta cuarta edición do galardón participaron un total de 375 traballos. Como finalista resultou o traballo presentado por Moisés Yagües Fernández, de Molina de Segura (Murcia), co título Al otro lado. O xurado tamén outorgou unha mención especial ao álbum de Arianna Papini (Florencia, Italia) co título ¿Quién querrías ser?.

Os álbums presentados a esta convocatoria procedían de países como Alemaña, Suecia, Italia, Gran Bretaña, Francia, Suíza, Portugal, Serbia, Hungría, Rusia, Romanía, Holanda, Dinamarca ou España. Tamén de países americanos como Arxentina, Chile, Brasil, Ecuador, El Salvador, EUA, México, Colombia, Uruguai ou Perú.

El camino de Olaj sucede como álbum triunfador a Cerca, da arxentina Natalia Colombo (2008); Un gran soño, do mexicano Felipe Ugalde (2009) e a A familia C, de Mariona Cabassa e Pep Bruno (2010). A obra premiada é un álbum infantil cuxo argumento segue os esquemas da tradición oral. Trátase “dunha viaxe iniciática a partir da acumulación de obxectos e animais que se nomean”, segundo os membros do xurado. Para Martín León-Barreto é o seu primeiro libro como autor e ilustrador: El camino de Olaj conta a historia dun personaxe que vive nunha casa grande, que se lle queda pequena ao ir sumando amigos que atopa no seu percorrido.

Amais da dotación económica, o IV Premio Internacional Compostela comporta tamén a publicación do libro en castelán, galego, catalán éuscaro e portugués.

O xurado estaba formado pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o prestixioso ilustrador italiano Roberto Innocenti; o escritor Federico Martin, a escritora e actriz galega Paula Carballeira; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; e Beatriz Varela, como secretaria técnica. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, pasou a saudar o xurado durante as súas deliberacións.