Print this page

O neno can entra no catálogo do IBBY das publicacións sobre o tratamento da discapacidade

Rate this item
(1 Vote)

O Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais, con sede en Oslo, decidiu a partir do ditame dunha comisión de expertos, incluír O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, na súa Lista Outstanding Books 2013, a lista do IBBYde libros destacados polo seu tratamento da discapacidade. Isto implica, ademais dun recoñecemento internacional para o libro, entrar dentro dun Catálogo que recolle as mellores publicacións do mundo sobre esta temática e que se edita en varias linguas, e formar parte dunha exposición que se inaugurará na Feira de Boloña e que terá a súa sede permanente en Oslo despois de itinerar por distintas capitais do mundo.

O Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais foi creado en 1985 no Norwegian Institute for Special Education da Universidade de Oslo e ofrece servizos de información, consulta e documentación para organizacións, investigadores, docentes, estudantes, bibliotecarios, editores, autores, ilustradores, encargados de formular políticas e os medios que traballan con nenos e mozos con necesidades especiais.

Grazas aos seus proxectos internacionais, que contan co apoio de UNESCO, de varias editoriais e dos membros de IBBY, o Centro posúe unha gran colección de libros para nenos e mozos e tamén para adultos con dificultades de linguaxe e de lectura. Os libros expóñense en congresos, feiras do libro e diversos eventos.

O neno can é un libro de relatos ilustrado por Patricia Castelao onde se abordan asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha parte moi importante dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día. Así, cóntannos historias deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo; a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas; a discriminación de quen é diferente por calquera motivo e así carne de canón social.

Os tres títulos seleccionados polo Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais son dous en catalán e este texto en galego que publicou a Editorial Galaxia e que nos vindeiros meses será publicado en castelán por unha editorial española.