Print this page

O libro Lendo lendas, digo versos ven de ser incluído na lista de Honra do IBBY 2018

Rate this item
(0 votes)

O libro Lendo lendas, digo versos (Xerais) de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, con ilustracións de Xosé Covas, ven de ser incluído na lista de Honra do IBBY 2018, que inclúe os libros que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual no eido infantil e xuvenil de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación en todo o mundo das obras seleccionadas.

Entre os libros seleccionados tamén atopamos, na categoría de tradutores, o traballo que dende o xaponés Mona Imai fixo cara o galego co libro Botchan, publicado por Sushi Books. Entre as obras seleccionadas polo IBBY tamén atopamos, na categoría de ilustradores, ao cordobés Miguel Cerro por Después de la lluvia (Despois da chuvia, en galego), que publicou a editorial pontevedresa Kalandraka e que foi obra gañadora do VIII Premio Compostela de Álbums ilustrados.

Os diplomas da Lista de Honra outorgaranse nos congresos do IBBY, onde tamén se presenta o catálogo con todas as obras seleccionadas. Ese catálogo percorrerá ao longo do ano as principais exposicións e feiras do libro do mundo. Este ano o catálogo será presentado en agosto no 36º Congreso Mundial do IBBY que terá lugar na cidade de Atenas (Grecia) do 30 de agosto ao 1 de setembro.