Print this page

O grilo máxico, un libro para facilitar a vida nos Centros de Menores

Rate this item
(0 votes)

O proxecto O Grilo Máxico forma parte das iniciativas desenvolvidas pola Asociación Berce de Vigo co gallo do seu 20 aniversario, que celebran neste 2015. O obxectivo do presente proxecto é realizar un labor de sensibilización da sociedade cara ás casas de acollida de menores e os menores que nelas residen, tratando de ofrecer unha visión normalizada dos Centros de Menores, afastada dos prexuízos herdados de modelos xa anticuados, principalmente asistenciais e pouco integradores (orfanatos, correccionais, etc.).

Dende a Asociación Berce cren necesario facer "visible" a existencia destes recursos educativos, os Centros de Menores, co obxectivo de normalizalos e evitar que os nenos que son atendidos nestes centros se sintan marcados ou estigmatizados por ter que vivir neles, aínda que sexa de forma temporal.

Para iso a Asociación Berce lanzan a campaña de crowfundind O Grilo Máxico, un libro escrito por Antonio Manuel Fraga e ilustrado por Antonio Seijas. O Grilo Máxico conta a historia de Bruno e Carlota. Eles representan todos os nenos e nenas que viven nas casas de familia. Nenos e nenas que por diferentes motivos (malos tratos, desprotección, abusos...) vense na necesidade de abandonar o seu núcleo familiar e residir nunha casa de acollida. O relato constitúe en si mesmo un instrumento de animación á lectura destinado a público infantil (primeiros lectores).

As achegas destinaranse á edición imprimida do libro, sendo a tirada inicial de 1000 exemplares. Os autores do libro participan de forma totalmente desinteresada cos seus orixinais e a Asociación Berce doará o 30% dos exemplares editados a entidades de iniciativa social dedicadas á atención da infancia. Os beneficios que queden da venda de exemplares destinarase a manter as casas de acollida da Asociación Berce, nas que residen e se atende de xeito integral a 36 nenos de diferentes idades os 365 días do ano.

As e os interesados poden participar con achegas que van dende os 12 ata os 250 euros, recibindo como contrapartida diferentes recompensas.

Toda a información e como participar deste proxecto podes atopala nesta ligazón.

 

Additional Info