Print this page

O futuro das nosas letras fanse un oco nos premios Minerva

Rate this item
(0 votes)

Un total de 128 traballos participaron na 39ª edición dos premios literarios Minerva, organizados polo colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela. Foron un total de 84 na modalidade de narrativa e 44 en poesía.

En narración o gañador foi Ismael Ramos Castelo, de 16 anos e alumno de 1º de Bacharelato do I.E.S. Virxe do Mar, de Noia, polo seu relato Crónica dos días que te fuches. O segundo premio foi para Antía Monteagudo Alonso, de 17 anos, alumna de 2º de Bacharelato do I.E.S. Rosais-2 de Vigo, pola súa obra www.almasenpena.com. E o terceiro premio correspondeu a María Elena López González, de 16 anos, alumna de 4º de E.S.O. do CPR Ntra. Sra. da Asunción de Sarria, pola súa narración titulada O unicornio branco.

En poesía o gañador volveu ser Ismael Ramos Castelo pola súa triloxía Circo de tres pistas. O segundo premio foi para Helena Salgueiro Golán, de 15 anos, que cursa 4º de E.S.O. do I.E.S. Antón Fraguas de Santiago, polo seu poemario titulado A rev(b)elación do poema. Finalmente, en terceiro lugar, premiouse a Lara Porto Mato, de 18 anos, estudante de 2º de Bacharelato no Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo seu traballo Servicio de rede de sumidoiros.

Os xurados de ambas as dúas modalidades tiveron ocasión de comprobar a extraordinaria calidade dos traballos presentados, que abren un futuro esperanzador para as nosas letras.

A importancia destes premios ven avalada polos nomes dos gañadores de anteriores edicións, hoxe escritores consagrados e que empezaron a súa andaina literaria nos Premios  Minerva: Xesús Rábade, Lois Diéguez, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Ánxeles Penas, Rei Ballesteros, Olga Novo, Rafa Villar, Roque Cameselle, ou Bérta Dávila.

O acto literario de entrega de premios terá lugar o vindeiro 19 de maio,  ás 17.00 h.,  no salón de actos do Colexio M. Peleteiro. Nel actuará como mantedor o escritor Manuel Rivas.