Print this page

O escritor Valentín Alvite gaña o Raína Lupa cunha novela de misterio presidida polo humor

Rate this item
(0 votes)
Valentín Alvite Valentín Alvite Foto: Deputación da Coruña

O escritor Valentín Alvite coa novela Antía e Daren e os pequenos detectives é o gañador por unanimidade do xurado da XII edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña. O xurado decidiu declarar finalista a novela A noite da deusa da autoría de María López Sandez.

Antía e Daren e os pequenos detectives é, segundo o xurado, "unha novela de misterio presidida polo humor". Destaca no seu fallo a "orixinalidade da historia que sae das liñas habituais da literatura infantil máis recente". Valora tamén na obra de Alvite a súa "retranca e desbordante humor" cun "léxico moi coidado e unha prosa moi áxil".

Pola calidade da obra, o xurado decidiu tamén declarar finalista a novela da escritora María López Sandez titulada A noite da deusa da que destaca o seu "moi coidado estilo nunha obra que elabora unha xenealoxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo".

O xurado desta edición do Raíña Lupa estivo composto por Montse Pena Presas, Antonio Manuel Fraga, Xosé Cobas, e a gañadora e o finalista da edición anterior, An Alfaya e Xosé de Cea, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de Servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

O gañador Valentín Alvite Gándara (Cures-Cereixo-Vimianzo, 1959) é Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa. O humor preside a súa traxectoria literaria na que, con anterioridade gañou en 2005 gañou o "III Certame de Microrrelatos 'Lonxa Literaria'" (Moaña) con Batea e no 2009 o "VIII Certame Relato de Aventuras 'Antón Avilés de Taramancos'" polo relato O hotel. No 2011 foi finalista do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa primeira obra publicada foi Don Nuno e outros relatos humorísticos, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e no 2017 saíu do prelo o libro Relatos para sorrir, as dúas publicadas en autoedición.