Print this page

O dragón galego creado por Elena Gallego dá o salto ao cinema

Rate this item
(1 Vote)

Dragal, a exitosa triloxía de Elena Gallego Abad salta das páxinas dos libros e encarnarase no cinema, en videoxogos e en banda deseñada. A encargada de levar a cabo este proxecto será Ficción Produccións.

Como di a autora nos seus libros, o dragón é símbolo de cambio, de renovación e este é o camiño que toma Dragal. A triloxía, publicada por Xerais, está experimentando unha metamorfose grazas á man de Ficción, que se fixo cos dereitos dos libros e planea metela de cheo no mundo crossmedia. O proxecto inclúe a adaptación ao cine, o desenvolvemento de videoxogos para varias plataformas, cómics e a creación dunha comunidade de fans a través das redes sociais: a “Fraternidade do Dragón”. Os primeiros pasos daranse en forma de novelas gráficas, que se publicarán antes da fin de 2013.

Debuxantes, animadores, artistas gráficos, produtores e editores da produtora están traballando en bosquexos baseados nos escenarios descritos na triloxía, modelados 3D, a adaptación do texto para o guión dos filmes e outros materias que neste momento estanse a desenvolver.

Elena Gallego Abad decidiu escribir o seu primeiro libro para animar a ler ao seu fillo, un adolescente ao que lle encantan os dragóns. Co éxito de ventas da primeira novela, Dragal I: A herdanza do dragón (Finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012), chegaron as primeiras comparacións coa escritora J.K. Rowling, creadora de Harry Potter. Cando se apuntan estas semellanzas, de forma cada vez máis recurrente, ela contesta que “(Rowling) tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia. Escribín Dragal pensando nos mozos aos que non lles gusta ler, aínda que está dirixido a todo tipo de públicos”. A segunda entrega, Dragal II: A metamorfose do dragón, e o terceiro libro, Dragal III: A fraternidade do dragón, confirmaron que nos atopamos ante unha saga que fai furor entre os mozos, e non tan mozos.

 

Additional Info