Print this page

O concello de Redondela celebra a súa III Semana do Libro

Rate this item
(0 votes)

O Servizo de Normalización Lingüística do concello de Redondela e as Bibliotecas públicas deste concello organizan, por terceiro ano consecutivo, a Semana do libro, a festa das palabras.

A conmemoración, o vindeiro 23 de abril, do día do libro, serve de pretexto para facer esta exposición multilingüe, que se instalará en espazos pouco convencionais (como as alamedas ou a entrada dos multiusos), e que este ano ademais, visitará os centros de ensino de primaria do concello cunha biblio-caravana. Grazas á colaboración das diferentes institucións ás que se solicitaron os libros: Instituto Camðes, Euskararen Donostia Patronatua (Servizo de promoción do éuscaro do Concello de Donostia), Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), Secretaría de Política Lingüística (Generalitat de Catalunya), Academia de la Llingua Asturiana, e Academia de L'Aragonés, foi posible expoñer estes materiais multilingües nos diferentes idiomas da Península Ibérica (galego, castelán, portugués, catalán, aranés, éuscaro, asturiano e aragonés). Ademais de dispor tamén da achega de materiais dos fondos da Biblioteca Municipal e da Axencia de Lectura de Chapela.

Este ano contarase ademais coa colaboración de Protección Civil de Redondela (que serve de apoio loxístico desprazando a biblio-caravana duns lugares a outros), e do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES de Chapela, que envía o seu alumnado para realizar actividades de contacontos e promoción da lingua galega para os nenos e nenas de ensino infantil dos centros a onde chega a exposición. Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro, e procurar unha animación efectiva á lectura, co obxectivo transversal e multidisciplinario de mostrar a diversidade cultural e lingüística dos territorios que son máis próximos, e facer fincapé na necesidade do respecto e promoción de todas as linguas, por pequena que sexa a súa distribución ou o número de falantes.

A programación inclúe visitas da biblio-caravana aos centros de primaria redondeláns nas semanas do 11 ao 15, e do 26 ao 29 de abril; exposición nas alamedas de Chapela e Redondela nas mañás dos días 18, e 19 e 20 (respectivamente); unha conferencia sobre o Premio Carvalho Calero de investigación 2009 (o 20 de abril, ás 20.00 h na Casa da Cultura); e unha exposición permanente dos diferentes materiais na entrada do Multiusos da Xunqueira do 3 ao 6 de abril. As persoas que se acheguen á caravana poderán tamén consultar, no tríptico informativo, un pequeno glosario multilingüe que axudará a apreciar as diferencias e semellanzas entre as distintas linguas, coa intención de promover a curiosidade sobre as mesmas e animar a mellorar o seu coñecemento.

Programación dos centros

11 abril: CEIP Quintela

12 abril: CEIP Outeiro das Penas

13 abril: CEIP Porto Cabeiro

14 abril: CEIP de Cedeira

15 abril: CEIP Igrexa - Chapela

26 abril: CEIP Sto. Paio de Abaixo (Reboreda)

27 abril: CEIP Laredo

28 abril: CEIP Alexandre Bóveda

29 abril: CEP Santa Mariña.