Print this page

O catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2019 difunde a produción galega máis recente para o lectorado novo

Rate this item
(0 votes)

Con máis de 120 títulos publícase o Catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2019, onde se mostran moitos dos títulos máis interesantes publicados no último ano para o lectorado novo.

O catálogo está destinado á presentación comercial do libro galego no exterior. Está editado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e a Consellería de Cultura e Turismo do goberno de Galicia, e conta co apoio da Asociación Galega de Editores (AGE).

A edición trilingüe do catálogo, en galego, castelán e inglés, permítelles a escritores, ilustradores e editores contar cun material de presentación para a promoción dos seus libros nos encontros internacionais do sector. Participan neste catálogo, entre outras, as editoriais Galaxia, Xerais, Bululú, Hércules de Ediciones, Kalandraka, Rodeira – Grupo Edebé ou OQO editora.

Cunha tiraxe de 300 exemplares, o catálogo nace co obxectivo de lles ofrecer aos axentes do sector do libro que traballan para o público máis novo unha ferramenta de utilidade para divulgaren o seu traballo en Galicia e, tamén, fóra, xa que estará a vindeira semana na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña 2019 (do 1 ao 4 de abril), no que se consolida como o máis importante escaparate do mundo para este tipo de literatura.

A publicación tamén se divulgará nas principais feiras internacionais do libro nas que participará Galicia ao longo do ano.

Catálogo da OEPLI.

Pola súa banda, a OEPLI (Organización Española para el libro infantil e xuvenil) e as súas seccións territoriais, entre as que se atopa Gálix, presentou o seu catálogo Literatura infantil y juvenil de España. Selección OEPLI 2018, onde se atopan 200 dos mellores títulos de libros infantís e xuvenís publicados no estado español no pasado ano, e onde está presente unha importante representación da LIX galega. Polas páxinas do catálogo da OEPLI aparecen obras como Cociñando con Bolboretas no bandullo (Xerais) de Diana Fernández Gómez e David Díaz Díaz e ilustracións de Iván Rodríguez Castro; Macedonia de versos (Aira) de Concha Blanco e ilustracións de Lidia Nokonoko; Vermella (Baía) de Sabela Losada e ilustracións de Minia Regos; Kusuma (Xerais) de Héctor Cajaraville e ilustracións de María Sánchez Lires; A balada dos unicornios (Xerais) de Ledicia Costas e ilustracións de Mónica Armiño; A derradeira bala (Galaxia) de Fernando Castro Paredes; As voces da auga (Baía) de Ánxela Gracián e ilustracións de Aynara Pereiro; Mamá, quiero ser Ziggy Stardust (Xerais) de Iria Misa e ilustracións de Alba Barreiro; Street Poems (Xerais) de Fran Alonso; A filla do minotauro (Galaxia) de Marilar Aleixandre; ou Pablo e as pombas (Tambre) de Marcos Calveiro.

Pódese descargar o catálogo da OEPLI dende esta ligazón.

Additional Info