Por terceiro curso consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense da Universidade de Vigo acollerá a celebración do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A iniciativa, coordinada pola profesora deste centro Isabel Mociño, ten como obxectivo enriquecer a formación dos docentes e futuros docentes en materias específicas para o traballo coa literatura dramática e a representación na etapa da Educación Infantil e Primaria. Nesta edición, o ciclo estará dedicado ao Teatro e as súas potencialidades na Educación Infantil, contando con seis conferencias doutros tantos expertos e expertas nesta temática.
A cita, que conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o goberno de Galicia, quere nesta ocasión afondar “nas estratexias, recursos e ferramentas para achegar o teatro e a dramatización á infancia e adolescencia da man dos propios creadores e creadoras, aspecto fundamental entre futuros docentes de Educación Infantil e Primaria”. Apostando por un formato de coloquio e conversa, o ciclo contará coa participación de profesionais de diferentes eidos co obxectivo de contrastar as súas liñas de creación coa percepción que os usuarios e consumidores teñen da súa produción, segundo explican desde a organización.
Outros dos aspectos nos que se incidirá ao longo do desenvolvemento da programación durante os meses de outubro e novembro serán valorizar tanto as potencialidades do teatro e as súas múltiples dimensións na práctica docente como o papel dos docentes e a escola como dinamizadores, programadores e normalizadores culturais. É importante, apuntan desde a organización da cita, “facer consciente ao alumnado universitario, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer e potenciar a literatura” na formación dos rapaces e rapazas.
Programa
3 outubro. Paula Carballeira. Que facemos co teatro?
10 de outubro. Raquel Castro. Teatro, unha ferramenta imprescindible no ensino.
17 de outubro. Antón Cortizas. Escribir teatro dende o anfiteatro.
24 de outubro. Carlos Labraña. Teatro para ler, teatro para pensar.
31 de outubro. Manuel Núñez Singala. Normalización da lingua, identidade e literatura.
7 de novembro. Sabela Gago. Literatura infantil e dramatización.
Todas as conferencias serán na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) ás 18.00 h.
A inscrición é de balde e a entrada libre, para recibir un diploma de asistencia (12 horas) as e os interesados deben de se dirixir ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Ainda que está dirixido especialmente ao alumnado de Ciencias da Educación, alumnado do Campus Universitario de Ourense, e mestres/as en activo, tamén está aberto para o público en xeral.