Print this page

O Campus de Ourense da UVigo acolle o ciclo de LIX "A pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade"

Rate this item
(0 votes)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil “A pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade”. Do 19 de outubro ao 9 de novembro este ciclo, baixo a coordinación da profesora Isabel Mociño, levará ao Campus de Ourense da Universidade de Vigo a seis destacadas voces para afondar na pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade.

O programa principiará o luns 19 de outubro co acto de inauguración e a palestra A literatura de tradición oral. A subversión dos roles de xénero, a cargo de Antón Cortizas e Antonio Reigosa. O día 26, o Ciclo de literatura infantil e xuvenil continuará coas intervencións de Fina Casalderrey e Helena Villar Janeiro, quen falará sobre A literatura infantil e xuvenil. Mestras e creadoras.

Entrados no mes de novembro a escritora, contacontos e actriz Paula Carballeira estará o día 3 de novembro coa sesión titulada Oralidade e dramaturxia infantil. Das nais ás mestras. Para rematar este ciclo o día 9 de novembro Antonio García Teijeiro, mestre e poeta, falará aos asistentes sobre A poesía infantil. Música dende o colo materno.

Todas as sesión son abertas ao público xeral e celebraranse ás 17.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Facultades do Campus de Ourense.