Print this page

O andaluz Miguel Cerro faise co VIII Premio Compostela de Álbum Ilustrado

Rate this item
(0 votes)

A obra presentada co lema Y se hizo la luz, do deseñador e ilustrador cordobés Miguel Cerro, foi a gañadora do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que organiza a editorial Kalandraka co concello de Santiago de Compostela. Ao certame presentáronse 340 orixinais procedentes de 20 países. O álbum galardoado será publicado pola editorial pontevedresa nas cinco linguas peninsulares, quen levará, como en anos anteriores, ás feiras máis importantes do sector.

O xurado do premio destacou que, dende o punto de vista plástico, este traballo sobresae pola súa “coherencia, o estudo minucioso dos personaxes, o colorido e a composición”. Segundo indicou o xurado, "a idea central deste álbum é salientar o valor da solidariedade, daquel que sempre axuda aos demais e que segue crendo no colectivo. Tamén destaca o afán de superación e a procura da felicidade inmaterial". Ademais, o xurado resalta "as diferentes interpretacións que resultan da lectura do texto".

Miguel Cerro dedícase profesionalmente á ilustración e ao deseño gráfico dende 2008. Realizou numerosos traballos de deseño, publicidade e ilustración, especializándose en carteis e libros ilustrados. Publicou máis de dez obras, algunhas das cales recibiron premios e menciones en diversos concursos.

O xurado do VIII Internacional Compostela de Álbum Ilustrado tamén declarou finalista a obra presentada por Ana Rita Pinheiro Marques dos Reis, de Tomar (Portugal), presentada co lema Anabela, a pinguim friorenta, en formato pop-up ou despregable. Ademais, recibiu unha mención especial o traballo ¿Amigos?, de Anabel Fernández Rey, de Bos Aires (Arxentina).

O VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado enmárcase na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se está celebrando na capital do país ata o vindeiro 9 de maio. No xurado do certame participaron participado o ilustrador Federico Delicado, gañador da sétima edición do Premio Compostela con “Ícaro”; a directora da Revista Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil (CLIJ), Victoria Fernández; a profesora e especialista en literatura Gracia Santorum; Manuela Rodríguez en representación da editorial; o xefe do departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; e a concelleira de Educación, Teresa Cancelo, coa técnica de Educación Beatriz Varela, en calidade de secretaria.