Print this page

No bico un cantar. Nenas e nenos cantan aos trobadores

Rate this item
(1 Vote)

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura do goberno galego promoven No bico un cantar 2016, a cuarta edición desta iniciativa na que se funden música e poesía e que neste ano rende homenaxe aos trobadores. No bico un cantar reunirá a medio milleiro de rapaces en Cangas o vindeiro 3 de xuño.

Despois do éxito das tres anteriores edicións, dedicadas a Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas e celebradas en Santiago de Compostela, Celanova e Cambados, respectivamente; No bico un cantar recolle este ano a tradición trobadoresca nas voces e instrumentos do alumnado dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais ‘Hércules Brass’. Con esta actividade búscase poñer en valor a formación musical que se imparte nestes centros e promover o coñecemento da literatura galega entre os máis novos.

Nesta edición interpretaranse 5 pezas, das que unha delas se estreará no concerto. Trátase da cantiga Pois nosas madres, da autoría de Pero Viviaez e con música de Rogelio Groba para coro infantil e sexteto de metal encargada para a ocasión. O alumnado participante no concerto interpretará, ademais, Canción do mariñeiro, da autoría de Lourenço e con música de Héctor Villa-Lobos; Quanto sabedes amar-Ondas do mar de Vigo, con texto e música de Martín Códax; e Rosa das Rosas, da que é autor e compositor Alfonso X O Sabio. Así mesmo soará Maio longo, de Rosalía de Castro, con música de José Baldomir.

Agás no caso da peza que se estrea, o compositor Juan Durán foi o encargado de facer as versións e arranxos pertinentes nas partituras. Así mesmo, os textos foron revisados por Henrique Monteagudo.

 

Additional Info