Print this page

Unha mostra amosa o traballo ilustrativo destes últimos doce anos de Kalandraka

Rate this item
(0 votes)

Ramón Trigo, Marc Taeger, David Pintor, Pablo Otero, Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez, Juan Rivas, Francisco Pérez Porto e Kiko Da Silva son os dez ilustradores que participan na exposición Soños Ilustrados: Kalandraka, 12 anos de álbum galego, que se poderá visitar no Espazo EMAO da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a partir deste venres, 15 de abril, e ata o 10 de xuño. A mostra reúne -por primeira vez en Vigo- un grupo de ilustracións e traballos pertencentes a unha vintena de álbums editados por Kalandraka, algúns dos cales recibiron importantes distincións a nivel autonómico, estatal e internacional.

As obras abarcan unha ampla variedade de estilos e disciplinas artísticas: dende obra pictórica, ata cerámica, pasando por banda deseñada, collage, figuras tridimensionais ou técnica dixital. Os comisarios da exposición, Federico Fernández e Miguel Vázquez, destacaron que esta mostra pretende “elevar a Ilustración Infantil, que nos últimos anos acadou unha notable importancia, á categoría de ARTE con letras maiúsculas".

O Espazo EMAO abre as súas portas de martes a sábado entre as 19.00 h. e as 21.00 h. para compartir a laboriosa mestría estes traballos artísticos e o traballo dos seus autores. Dende o pasado mes de xaneiro, a sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios é un lugar aberto a toda a cidadanía viguesa para a difusión da cultura e da creación, en forma de coidadas obras artesás e artísticas. A oferta expositiva do Espazo EMAO complementa a faceta académica e formativa desta Escola centenaria, na que se se imparten clases de artesanía do coiro, encaixe de palillos, moda e confección, ourivaría, pintura, debuxo, volume e modelado, escultura e talla en madeira, cerámica artística, encadernación, serigrafía, clases de construcción de zanfona, gaita e luthería antiga.