Rinoceronte, a editorial canguesa que naceu no ano 2005 como editora especializada na tradución, da o salto agora á literatura infantil a través da creación dun novo selo: Sushi Books.
Cun catálogo en galego, castelán, catalán e éuscaro, entre os seus libros mestúranse autores galegos e foráneos, divididos en tres coleccións segundo o rango de idade do lector. Velaí están a colección Álbum para primeiros lectores, Intermedio para lectorado infantil e Avanzando para un público xuvenil (e adulto).
Sushi Books convértese deste xeito na nova aventura editorial de Rinoceronte, pioneira en moitos eidos da tradución e responsable dos selos Barbantesa (centrado en novas voces poéticas galegas, literatura de muller, as literaturas africanas, as recuadas e periféricas), Morgante (de carácter xeneralista) e Pulp Books (Literatura galega traducida a outras linguas).
Xildas, do gañador do Merlín 2013, Antonio Fraga Allegue; e O poder de Amabel, de Érica Esmorís, son os dous primeiros títulos que as lectoras e os lectores do país poden atopar na súa libraría.