Print this page

Nace a revista Criaturas, especializada na LIX galega

Rate this item
(0 votes)

No pasado CulturGal, celebrado en Pontevedra, presentouse o número 0 de Criaturas, unha revista dixital especializada na literatura infantil e xuvenil e que abre as súas portas cun coidado deseño e uns contidos certamente interesantes.

Detrás deste proxecto, coordinado por Ledicia Costas e Daniel Landesa, atopamos algúns dos nomes máis importantes do panorama literario infantil e xuvenil galego, como Fran Alonso, Burghard Baltrusch, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María Lado, Montse Pena Presas, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas Zás, Laura Sáez, Gracia Sanctórum ou Miguel Vázquez Freire.

Criaturas ofrécese ao lector como revista dixital, podéndose descargar o número completo; ou visualizar os contidos individualmente a través da páxina web da revista.

A revista Criaturas está estruturada en diferentes seccións. Deste xeito, no apartado Monográficos atopamos un artigo de María Jesús Fernández titulado Onde viven os monstros. Algunhas claves para achegarse ao clásico intemporal de Maurice Sendak; Unha posible criaturización da LIX galega, traballo asinado por Montse Pena Presas; ou Un pequeno bestiario da literatura universal. De Pinocho ao Grúfalo, de Gracia Santórum.

As entrevistas a autores e a autoras tamén teñen o seu lugar en Criaturas, así podemos ler un interesante cara a cara entre Helena Pérez, editora de infantil e xuvenil de Xerais, e Jacobo Fernández Serrano, ilustrador e escritor.

Un apartado de crítica onde debullan as últimas novidades chegadas ao andeis das nosas librarías, e outra sección dedicada precisamente a estas, conforman un primeiro número dunha revista que ten visos de se converter nunha das referencias da enorme literatura infantil e xuvenil que se produce en Galicia.

 

 

Additional Info