Print this page

Máis de cen bibliotecas escolares contarán con e-lectores o vindeiro curso

Rate this item
(1 Vote)

Un total de 115 bibliotecas escolares contarán o próximo curso con lectores electrónicos dentro do proxecto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE), posto en marcha o pasado mes de novembro. Así, ademais dos 25 centros que xa recibiron os dispositivos, a Consellería de Cultura e Educación achegará aos centros de ensino recursos para a adquisición de e-lectores. O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformación que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.

Para a selección dos centros valorouse especialmente o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Así mesmo, darase prioridade aos centros instalados en zonas rurais, procurando unha distribución por todo o territorio galego.

Este proxecto é unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a estes recursos electrónicos, aínda en pleno desenvolvemento, e as diferentes experiencias lectoras que ofrecen. Do mesmo xeito, o profesorado poderá familiarizarse cos E-lectores e afondar nas súas posibilidades para o traballo na clase, para o préstamo e para o fomento do hábito lector entre os estudantes.

Este novo impulso ás bibliotecas súmase á nova convocatoria feita pola Consellería para os centros que desexen incorporarse ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que chegará o vindeiro curso a 524 centros de ensino.