Print this page

Miguel Rojo e Pablo Prado gañan o II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

Rate this item
(0 votes)

A obra Nerea. O príncipe da sorte, con guión de Miguel Rojo e debuxos de Pablo Prado, resultou gañadora do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera.

O xurado, composto por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell) e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou a atractiva proposta gráfica da obra a cabalo entre a liña clara franco belga mesturada coa estética cartoon dos actuais debuxos animados. Así mesmo, destaca o ritmo narrativo da historia e unha composición de páxina dinámica e atractiva.

Nerea, o príncipe da sorte é unha historia de aventuras con doses de humor e cunha temática moi de actualidade. Conta a historia dunha nena que cae nun charco e a partir de aí desenvolvese unha historia divertida centrada na prevención da saúde.

Pablo Prado, o debuxante, recibiu o Premio de Fin de Curso do Garaxe Hermético por O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia) que adapta a BD a novela homónima de Berta Dávila e debuxou Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva, que conta a vida da represaliada Josefina Arruti Viaño e foi publicada polo Concello de Pontevedra. Miguel Rojo, o guionista, exalumno da segunda promoción do Curso Profesional de sábados de O Garaxe Hermático é colaborador da revista A viñeta de Schrödinguer e acaba de rematar a súa primeira novela gráfica que sairá publicada por Retranca a finais de ano.

Esta obra foi creada durante o Confinamento pola pandemia do Covid-19 e chegará ás librarías no mes de maio.

O Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético está organizada pola escola homónima e edicións Xerais. Os traballos deben estar dirixidos especificamente ao público infantil e xuvenil. A primeira edición para a autora Anémona de Río pola súa obra A proba da auga (Xerais), que vai xa pola súa segunda edición.