Print this page

María Solar gaña o premio Lazarillo 2014

Rate this item
(1 Vote)

A escritora María Solar ven de gañar o premio Lazarillo 2014 na súa modalidade de creación literaria, que convoca a Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), con el patrocinio del Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do estado español. Este prestixioso galardón leva convocándose dende o ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e xente moza.

A obra de Solar, titulada O meu pesadelo favorito, foi a gañadora do premio fronte as outras 86 obras presentadas procedentes de todo estado. O xurado desta edición estivo conformado por Francisco Castro, Arantxa Bea, Aurelio Erdozain e Teresa Corchete, en representación das catro seccións da Oepli. Da obra gañadora destacaron que se trata dun texto ben escrito e coherente co mundo que se inventa a autora, repleto de literatura, metaliteratura e mundos de palabras fascinantes cun compoñente humorístico.

O meu pesadelo favorito conta a historia dun neno durante un proceso febril no que os distintos antitérmicos que os seus pais van dándolle para baixar a febre, fanlle delirar e soñar. Seguindo a estela de Alicia no país das marabillas (hai veladas e simpáticas referencias a ese libro), os distintos capítulos van contando diferentes mundos cheos de personaxes inesquecibles, pero en todos eles queda un asunto aberto que se cerrará, hermeticamente e perfectamente, no último dos soños, xa sen febre.

Con O meu pesadelo favorito María Solar suma o seu nome ao de outros galegos que acadaron o premio, como Agustín Fernández Paz (no 1990 por Contos por palabras), Marilar Aleixandre (no ano 1999 por A banda sen futuro), Gloria Sánchez (por Cándida Viladecruces en 2000), Ana maría Fernández (quen o acadou no ano 2001 por Amar e outros verbos), Xosé Antonio Neira Cruz (no 2004 por A noite da raíña Berenguela), An Alfaya (por A ollada de Elsa en 2005) e Marcos Calveiro (no 2009 por O pintor do sombreiro de malvas).