Print this page

Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa de LIX

Rate this item
(0 votes)
Marilar Aleixandre Marilar Aleixandre Foto: Distrito Xermar-AELG

A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. A escritora madrileña é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.

Un xurado composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior-, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar coa vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do Raíña Lupa deste ano.

A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca "a mestura de tempos históricos" da novela e a súa "relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural". A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, "moitos niveis de lectura". Ademais, destacan a "calidade literaria da obra" nunha convocatoria cun "alto nivel das obras publicadas".

O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación.

Con A filla do Minotauro Marilar Aleixandre suma o seu ao dos gañadores do premio, como Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.

No eido literario Marilar Aleixandre conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en lingua galega, recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector, entre os que atopamos o Merlín, o Premio da Crítica, o Lazarillo ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil ou o Xerais, entre outros.

En xaneiro deste mesmo 2017 ingresou no plenario da Real Academia Galega.