Print this page

Mañá comeza Caramomia, un innovador proxecto literario interactivo en redes sociais

Rate this item
(0 votes)

Mañá luns lanzarase o primeiro capítulo da novela interactiva Caramomia, un proxecto asinado a Oito Mans, con dúas autoras e dous autores: Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e El Hematocrítico (Miguel López). Caramomia é unha iniciativa cultural que promove a Deputación de Pontevedra e que busca implicar á mocidade na lectura a través da publicación nas redes sociais desta historia xuvenil de misterio.

Ledicia Costas, unha das integrantes de Oito Mans, definiu Caramomia como "un xogo e unha aventura marabillosa" e valorou especialmente que o público vaia participar dunha forma tan directa no proxecto "porque é unha novela que se vai desenvolver sobre a marcha". A vindeira semana se publicarán os catro primeiros capítulos dos 24 da  historia no perfil que xa hai creado en Instagram co nome Caramomia, cuxo deseño gráfico é de Landesa. E a partires dese momento, cando xa estean definidos os personaxes e a historia, "os lectores e lectoras van tomar decisións transcendentais que afectan á trama e á nós para ir artellándoa". O poderán facer cun sistema de votacións que se lanzará ao final de cada capítulo, no que darán opcións para que decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Si adiantou que a historia antiga "ten unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia".

Miguel López, pola súa banda, destacou a "flexibilidade" do proxecto e o uso das redes sociais para que a rapazada "poida ter nas súas casas acceso inmediato á historia e poidan meter as mans en profundidade na historia e influír nela. "Como todo está cambiando, nós temos tamén que cambiar e inventar cousas”.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que Caramomia "vai dirixido á mocidade e vai ter un escenario creativo moi do noso tempo, que sen dúbida van ser elementos novos que as creadoras e creadores tamén están utilizando para chegar ao maior número posible de persoas da cidadanía".