Print this page

Máis de catrocentas nenas e nenos cantan a Curros Enríquez

Rate this item
(0 votes)

Logo de lle render homenaxe a Rosalía de Castro en 2013, a segunda edición da iniciativa musical e educativa No bico un cantar reunirá un coro de catrocentos nenos e nenas para interpretar os versos de Manuel Curros Enríquez, nun concerto promovido polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura do goberno de Galicia, coa colaboración do Concello de Celanova e do grupo de alimentación Vegalsa-Eroski.

Alumnado procedente dos conservatorios profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como do coro CPI Tomás de Lemos, os Nenos Cantores da Capela Madrigalista e o Orfeón Unión Ourensana participará nesta homenaxe musical ao bardo de Celanova, que terá lugar na terra natal do poeta o venres 6 de xuño, ás 17.30 h., no claustro barroco do mosteiro de San Salvador, e que estará presentado pola escritora María Canosa.

Dirixidos pola batuta de Maximino Zumalave e acompañados polo quinteto Hércules Brass –formado por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Esteban Méndez (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), e acompañados nesta ocasión por Jordi Ortega (trompa convidado)–, os nenos e nenas cantarán os poemas A Rosalía, Cántiga, Melodía gallega e Nouturnio. Todos eles viron a luz no poemario ‘Aires da miña terra’, publicado por primeira vez en Ourense en 1880, agás o titulado A Rosalía, escrito logo da morte da poeta padronesa en 1885.

Os poemas foron musicados e adaptados por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro ‘Chané’ e Xabier Comesanha. Este último creou por encargo a composición Nouturnio, que se estreará no concerto, mentres que Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais de todas elas.

A Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega botaron a andar a iniciativa ‘No bico un cantar’ en 2013 para lles achegar aos escolares de todo o país a música clásica en diálogo coa poesía galega. Fixérono cun programa dedicado á poeta Rosalía de Castro no marco da conmemoración dos 150 anos da publicación da súa obra Cantares gallegos e que tivo como escenario a compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval.



Additional Info

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati