Print this page

Lugo converterase nunha cidade de conto esta fin de semana

Rate this item
(0 votes)

Lugo será esta fin de semana unha cidade de conto. A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu campUSCulturae, un proxecto coordinado polo profesor Xosé Antón Neira Cruz e financiado pola Cultura Agency da Unión Europea que se, desenvolverá na capital amurallada os vindeiros días 19 e 20 de xullo logo da colaboración recibida do Concello de Lugo.

O abano de actividades, música, teatro, contacontos…. programadas polo campUSCulturae a través da iniciativa Lugo, unha cidade de conto, comezará a desenvolverse o venres 19 de xullo, a partir das 19.30 h., no auditorio da Casa do Saber, coa representación da obra de teatro ‘A rebelión do monicreque, a cargo dos actores da compañía Matapiollos. A entrada para asistir a esta obra de teatro e libre e gratuíta ata completar o aforo, con capacidade para pouco máis de 100 espectadores.

Seguirán as actividades o 20 de xullo coa organización de diversos obradoiros na Praza Maior, na Praza Anxo Fernández Gómez e no Quiosco da Música, espazos urbanos abrazados pola muralla romana de Lugo que, por un intre, mudarán en Praza de Aladino, Praza da Carapuchiña Vermella e na Praza de Alicia no País das Marabillas.

Nestes escenarios reais, aínda que transformados de cheo pola imaxinación, nenos/as e maiores poderán participar libremente desde primeira hora da mañá ata a noitiña nos distintos obradoiros de narración oral e teatro, expresión corporal e creación, ilustración ou obradoiros de reciclaxe e creación. Estes grupos de traballo, sempre abertos á incorporación de todo o público interesados desenvolveranse en quenda de mañá, de 11.00 h. a 13.00 h. e estarán guiados por Ana Carreira, Melania Cruz, Sara Pérez e Marga Portomeñe, ademais doutros monitores.

O circuíto de tapas Comer e contar…, todo é empezar, no que os hostaleiros lugueses ofrecerán nos seus respectivos locais tapas propias de distintas gastronomías e culturas, permitirá ao público satisfacer o apetito e prolongar a dimensión ficticia da cidade luguesa desde as 13.30 h. ata as 15.00 h.

Xa en quenda de tarde, o obradoiro Contamos contigo, que se desenvolverá de 18.00 h. a 20.00 h., servirá de colofón a unha xornada de conto coa celebración de diversas actividades e actuacións de dinamización abertas á participación activa de quen queira contar ou cantar da maneira que lle apeteza facelo. Todos estes actos previstos e programados poderán verse enriquecidos polas achegas espontáneas do público, que ten total liberdade para participar e ser protagonistas desta iniciativa do campUSCulturae, un proxecto de constitución dun espazo internacional dedicado ás minorías culturais do mundo.

Additional Info