Print this page

Lorena Conde acada o III Premio María Victoria Moreno

Rate this item
(0 votes)
Lorena Conde Lorena Conde Foto: Galipedia

O xurado do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra; Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno; Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno; e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema Timbané. Unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lorena Conde e con título definitivo Velloucas e Minchas.

O xurado valorou da obra gañadora a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destacan o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.

Asemade o xurado decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema Vega. A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

A pontevedresa Lorena Conde é actriz, dramaturga e poeta. No 2016 gañou a XVIII edición do premio Miguel González Garcés(2016) co libro Entullo. Velloucas e Minchas é a súa primeira obra narrativa.