Print this page

Libros de editoriais galegas na listaxe dos White Ravens 2012

Rate this item
(2 votes)

Kalandraka e OQO veñen de colocar un libro cada unha na prestixiosa listaxe The White ravens, que ofrece unha selección dos mellores libros de literatura infantil e xuvenil do ano anterior. Esta recompilación realízaa a Internationale Jugendbibliothek de Múnic (Alemaña). Trátase dos álbums ilustrados A viaxe de Olaf (Kalandraka) de Martín León Barreto e Zimbo (OQO) de Arturo Abad e Joanna Concejo.

Zimbo (editado en galego e español, e a partir de outubro tamén en francés, portugués e italiano) forma parte da colección Q de OQO editora, destinada a lectores e lectoras de entre 8 e 12 anos. A institución alemá definiu a obra como “un álbum poético, sensible e que admite distintos niveis de lectura”.

Nesta obra, Arturo Abad e a ilustradora polaca Joanna Concejo únense para crear unha emotiva historia que fala sobre as ansias de liberdade, de emancipación, e tamén da dor da perda, de deixar marchar do noso carón as persoas que amamos. A marioneta Zimbo desexa, máis que nada no mundo, facer o seu propio camiño, romper os fíos, cada vez máis pesados, que o atan ao Monicrequeiro. Este procura, pola súa banda, ver feliz ao boneco, mais nada do que fai consegue tirarlle fóra a tristura. Así, debátese entre mantelo ao seu carón e deixalo ir, coa dor que a súa marcha supón.

Pola súa banda, A viaxe de Olaf (editado en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués) foi o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. O comité seleccionador da lista The White Ravens 2012 destacou que A viaxe de Olaf é un conto acumulativo de estrutura circular para lectores a partir de tres anos, no que destacan as ilustracións: “Pura forma e auténtico abano das cores do arco da vella”, segundo a ficha elaborada polos expertos, que o definen como un álbum “brillante e enerxético, cun xogo de formas xeométricas que converten o libro nunha festa para a vista”.

O protagonista deste relato acumulativo de estrutura repetitiva e circular é unha sorte de Principiño que, farto da soidade, emprende un camiño iniciático. Diversos animais fantásticos -de inspiración mítica e valor simbólico- vanlle facendo compaña e conformando un grupo heteroxéneo e compacto: o peixe que tiña a cola do revés, o cabalo alado, o tigre arco da vella, o elefante elegante...

A institución alemá realiza cada ano unha selección dos mellores libros infantís entre os miles que se publican en todo o planeta e aos que lles outorga a distinción The White Ravens. A elección de 2012 está conformada por 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países.

Os libros distinguidos con The White Ravens forman parte dun catálogo en lingua inglesa que inclúe informacións bibliográficas e recensións dos 250 libros, e tamén dunha mostra que se exporá na caseta da Internationale Jugendbibliothek na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.