Print this page

Ledicia Costas volve gañar o Premio Lazarillo de creación literaria cunha novela steampunk

Rate this item
(0 votes)
Ledicia Costas Ledicia Costas Foto:Ollo de vidro-ACAB

A escritora viguesa Ledicia Costas segue sumando galardóns á súa impoluta traxectoria literaria. Onte acadou o Premio Lazarillo 2017 pola súa novela A balada dos unicornios. O xurado do galardón, que entrega anualmente a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), determinou entregar o premio de creación literaria á obra de Costas ex-aequo ao libro No te muevas Musaraña de Rafael Salmerón. O premio na modalidade de álbum ilustrado recaeu en Bienvenida Lupe de Eva Palomar. É de sinalar que Ledicia Costas é a segunda vez que gaña o premio Lazarillo, que xa conseguira hai un par de anos por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Optaron ao Premio Lazarillo de creación literaria un total de 68 obras, das cales 41 son de narrativa, 23 de poesía e 4 de teatro. De todas elas 9 están escritas en galego, 3 en catalñan e 56 en castelán.

O xurado destacou de A balada dos unicornios o feito de crear un universo de fantasía orixinal poboado de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben e do mal cunha literatura extremadamente coidada. É unha novela de marcada estética steampumk, ambientada no Londres da época vitoriana. Na prestixiosa Escola de Artefactos e Oficios fórmanse as mentes máis brillantes de todo o país. Aí viven Ágata, unha humana mecánica, e o seu inseparable robot Tic-Tac. Unha noite Ágata vese obrigada a fuxir da escola emprendendo unha perigosa viaxe da que non sabe se regresará algún día. É o único xeito de salvar a vida ao máxico León, o seu gran amigo. O que Ágata iñora é que tras ela vai Jack o Destripador, o asasino máis desapiadado de Whitechapel. A balada dos unicornios é unha obra coral que destila fantasía. Unha historia onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza.

O xurado na modalidade de creación literaria deste 2017 estuvo integrado por Xosé A. Perozo, Presidente da OEPLI; e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI. Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.