As Bibliotecas Municipais de Oleiros elaboraron unha guía con 278 recomendacións de libros, DVD e CD titulada Lecturas para ti, na que se presentan recomendacións de obras que emocionan, divirten, entreteñen, informan, instrúen ou fan pensar; que invitan a coñecer mellor a nosa cultura ou outras diferentes; bos libros para ler, analizar ou mirar; películas ou discos para gozar e compartir. Trátase dunha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades.
Son 278 libros, DVDs e CDs que están nas bibliotecas do concello, dispoñibles para o seu préstamo a domicilio, e que comparten os obxectivos de ser obras de calidade literaria, artística ou científica que convidan a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd, ou un dvd son tamén un bo agasallo.
Os libros figuran clasificados por idades. A idade recomendada é só de forma orientativa, xa que cada nena ou neno ten un grado de desenvolvemento mental que debemos respectar.
Dende a Rede de Bibliotecas de Oleiros animan a todas as persoas a que dediquen parte do seu tempo de lecer a ler algún libro, ver algunha película ou documental ou escoitar música, pero principalmente aos nenos/as, adolescentes e mozos/as e lembran a importancia da lectura na formación integral da persoa.
A guía Lecturas para tí repartirase a todo o alumnado de primaria dos centros de ensino público deste Concello, así como nas bibliotecas municipais ás persoas que a soliciten.