Print this page

Kalandraka leva aos centros educativos do país a paixón pola lectura

Rate this item
(3 votes)

Uns 8.000 nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria de toda Galicia van participar nas sesións de contos e música que conforman a Campaña de Animación á Lectura coa que Kalandraka editora vai percorrer uns 200 centros educativos. A campaña, que chega á súa 14ª edición, estará en marcha ata finais de curso e, durante este período, é susceptible de incorporar máis colexios interesados en ofertarlle esta actividade lúdica e formativa ao seu alumnado.

Os contos tradicionais, os relatos de autor e os clásicos contemporáneos da Literatura Infantil e Xuvenil seguen ocupando o repertorio das sesións. Nesta nova campaña, a adaptación do conto tradicional A galiña roxa, de Pilar Martínez e Marco Somà; o clásico Críctor de Tomi Ungerer; e historias como Imos cazar un oso, de Michael Rosen e Helen Oxenbury, son algunhas propostas a partir das cales os nenos participan tanto nas narracións como cantando os retrousos das cancións que amenizan os contos.

Nesta ocasión, o conto Os petos de Loreto, de Quentin Blake, é o fío condutor da sesión, a partir da cal vanse fiando as demais historias, que adquiren unha maior vistosidade ao utilizar elementos decorativos relacionados cos libros. As melodías, compostas especialmente para cada relato, interprétanse con instrumentos tradicionais e artiluxios musicais procedentes doutras culturas; deste xeito contribúese tamén a reforzar a educación musical do alumnado.

As campañas de animación á lectura xurdiron como unha iniciativa propia de Kalandraka, completando así o labor editorial en galego iniciado en abril de 1998. Estas actividades convertéronse pronto nun dos piares identitarios de Kalandraka, contribuíndo paralelamente á normalización da lingua dende as primeiras idades.

O protagonismo das sesións de contos e música céntrase no libro como ferramenta de aprendizaxe e transmisión da cultura. Outro dos obxectivos da campaña é poñer en valor as bibliotecas escolares como espazos para o encontro arredor da palabra e da oralidade, enlazando o público infantil e os libros, coa música como elemento dinamizador.