Print this page

Kalandraka estrea con As catro estacións de Vivaldi a súa nova colección dedicada á música clásica

Rate this item
(1 Vote)

 

Co gallo do nacemento do compositor e intérprete Antonio Vivaldi, o 4 de marzo de 1678, Kalandraka estrea unha nova colección de Música Clásica, que comeza co libro-cd As catro estacións, para achegarlle este xénero ao público infantil.

Inspirándose nesta obra, o autor coruñés nx0woé Antonio Abad presenta un relato bucólico ambientado nun bosque, onde describe os cambios estacionais. A fauna e a flora, a presenza humana e o ciclo da natureza marcan o texto literario, que destaca pola súa elegancia formal e pola capacidade para transportar o lector ata ese paraíso imaxinario que o artista plástico Emilio Urberuaga -galardoado co Premio Nacional de Ilustración 2011- ilustra con cores vivas e intensas. Ao álbum engádese un disco coa gravación en 2007 de “As catro estacións” por parte da violinista estadounidense Sarah Chang, co acompañamento da Orpheus Chamber Orchestra, considerada pola revista BBC Music como a súa actuación máis brillante.

Esta obra do célebre músico veneciano, que morreu en Viena en 1741, é unha das mellores composicións do Barroco. Precoz mestre de violín, o seu virtuoso creador chegou a compoñer 600 concertos, 100 óperas e numerosas pezas para instrumentos.

As catro estacións. Vivaldi non é a única incursión de Kalandraka no ámbito da música, unida ao álbum ilustrado. Óperas é outra colección de libro-discos que presenta adaptacións de libretos, ilustrados por destacados deseñadores, e interpretados por orquestras e voces de todo o mundo: A frauta máxica de Mozart, Aida de Giuseppe Verdi, O barbeiro de Sevilla de Rossini, O elixir do amor de Donizetti, Orfeo e Eurídice de Gluck, Porgy and Bess de Gershwin, e Turandot de Puccini.

 

 

Media

Sarah Chang interpretando a Vivaldi