Print this page

Kalandraka e o concello de Santiago convocan unha nova edición do premio Compostela

Rate this item
(1 Vote)

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora convocan o VI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos concluirá o 1 de marzo de 2013 e o fallo do xurado darase a coñecer arredor do 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XIII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado pódense consultar nas páxinas web de Kalandraka (www.kalandraka.com) e do Concello de Santiago (www.santiagodecompostela.org).

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela —á que se presentaron 335 traballos— foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada Cerca. Na convocatoria de 2009 —á que optaban 280 aspirantes— o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C, que competiu con outras 518 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum A viaxe de Olaf, seleccionado entre 374 traballos. Bandada, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición, entre 256 orixinais de 19 países.

A convocatoria deste certame encádrase na Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente, no mes de abril, o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. As actividades programadas —sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para prelectores, charlas para docentes, nais e pais— chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.