Print this page

Kalandraka aposta pola obra de Maurice Sendak neste 2014

Rate this item
(1 Vote)

A obra do escritor neoiorquino Maurice Sendak estará moi presente este 2014 no catálogo dos Libros para Soñar de Kalandraka Editora. O selo pontevedrés publicará ao longo do ano unha decena de títulos do autor de Onde viven os monstros, aos que seguirán máis incorporacións durante 2015.

Esta aposta por recuperar o legado de quen estivo considerado polos críticos como “un dos homes máis influentes dos Estados Unidos porque darlle forma á fantasía de millóns de nenos é unha importante responsabilidade”, responde ao interese por levar novamente a librarías, bibliotecas e fogares un conxunto de títulos emblemáticos que permanecían descatalogados ou inéditos.

O primeiro da serie será In the night kitchen -Na cociña de noite, na versión de Xosé Manuel González-, un álbum de 1970 con influencias artísticas de Winsor McCay (Little Nemo in Slumberland) no que Sendak evoca pasaxes da súa nenez. Foi censurado por un sector conservador da sociedade norteamericana que consideraba escandalosas algunhas ilustracións, pero pronto se converteu nun libro de culto.

Na cociña de noite súmase ao xa publicado Onde viven os monstros, a súa obra mestra de 1963 que, malia a controversia das interpretacións críticas que suscitou nun principio, cativou -e seguirá cativando- a xeracións de nenos e nenas en todo o mundo. Sucesivas adaptacións para o teatro, os debuxos animados ou o cine amosan a súa enorme trascendencia e a súa plena vixencia.

Esta triloxía completarase coa tradución de Outside over there, de 1981, que Sendak consideraba como a súa obra máis persoal.

Por outra banda, Kalandraka tamén recuperará a Mini-biblioteca de Maurice Sendak, formada por catro libros de pequeno tamaño sobre as letras do alfabeto, os meses do ano, os números e un conto con sentenza.

Ademais, darase a coñecer a faceta de Sendak como ilustrador de textos alleos, a través da colección Osiño, da escritora norteamericana de orixe danesa Else Holmelund Minarik, que data dos anos 50-60. Vendéronse a nivel mundial millóns de exemplares desta serie, que foi adaptada para a televisión.

A gran contribución de Maurice Sendak (1928-2012) a enriquecer o imaxinario infantil ao longo de cinco frutíferas décadas de traxectoria artística e literaria, foi recoñecida con destacadas distincións, entre as que figuran varias Medallas Caldecott, o Premio Hans Christian Andersen, a Medalla Laura Ingalls Wilder e o Premio Astrid Lindgren, entre outros galardóns.