Print this page

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta e Ollos, seleccionados nos White Ravens 2017

Rate this item
(0 votes)

A novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, publicada por Xerais; e Ollos, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández, publicado na serie Animais Extraordinarios de Kalandraka, veñen de ser incluídos na selección The White Ravens 2017 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que seleccionou 200 obras de 56 países para formar parte desta prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e xuvenís.

Con esta distinción, o galego é unha das 38 linguas representadas en The White Ravens 2017 que, ao destacar Ollos, fai un recoñecemento a esta colección do selo Faktoría K: “Mentres moitos libros de non-ficción sobre animais do mundo se parecen uns aos outros porque organizan os seus contidos arredor de especies ou grupos, Animais Extraordinarios emprega unha estratexia diferente para explicar a abraiante diversidade e creatividade da natureza”, expón o comité de selección.

Asemade, os especialistas da Internationale Jugendbibliothek destacaron a claridade dos textos do profesor galego Xulio Gutiérrez, xunto coa precisión e co detallismo das ilustracións de Nicolás Fernández, madrileño afincado na Coruña.

A novela Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta foi Premio Lazarillo de Creación Literaria en 2015 , Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Xuveni, Premio Fervenzas 2016 Mellor Capa de LIX e Premio Gala do Libro Galego (Infantil/Xuvenil) no ano 2017. Para os membros do xurado responsable da selección escriben sobre o libro de Costas: "Ledicia Costas, que recibiu o prestixioso Premio Lazarillo en 2015, conecta historia, fantasía e unha dose de nostalxia. Nun colorido e polifacético linguaxe, a autor galega transporta aos lectores a finais do século XIX". 

Os libros seleccionados este ano máis o catálogo serán presentados oficialmente o 12 de outubro na Feira de Frankfurt.