Print this page

Incorpóranse 36 novos centros ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

Rate this item
(0 votes)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se resolve a convocatoria do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018, ao abeiro do que se incorporan 36 novos centros a este programa. Deste xeito, forman parte do Plan este curso un total de 646 centros educativos.

A resolución dos centros incorporados pode consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171024/AnuncioG0164-171017-0003_gl.html . A Consellería de Educación destinou a esta convocatoria un total de 1.342.000 euros.

As axudas para os centros de nova incorporación -30 públicos e 6 concertados- están destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación resolveuse logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos na convocatoria (que se materializa na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe traballan no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, na integración das novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca tamén ten un enfoque inclusivo, contribúe á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implícase en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.