Print this page

Héctor Cajaraville faise co Meiga Moira de Literatura infantil e xuvenil

Rate this item
(0 votes)
Héctor Cajaraville Héctor Cajaraville Foto: Caosdoar (Galipedia)

Denébola a Roxa, unha novela de aventuras ambientada no século XVII, é a obra gañadora do VII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil que organiza a editorial coruñesa Baía. Héctor Cajaraville suma o seu nome á lista de gañadores deste premio, un dos máis importantes de literatura infantil e xuvenil que se celebran no noso país.

O xurado, formado por Andrea Maceiras, Conchi Regueiro, María Dores Fernández López, Marica Campo e Belén López Vázquez, destacou da novela gañadora que “relata o desafío dunha muller afouta nun mundo de homes”. A protagonista de Denébola a Roxa, que comparte nome coa estrela máis brillante da constelación de Leo, loitará pola procura dun destino máis luminoso que o que seu pai elixiu para ela. Marcada desde o nacemento pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, tentará rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas da súa propia vida.

Noutra orde de cousas, o xurado da edición deste ano valorou a alta calidade das obras presentadas, das que catorce alcanzaron a selección final, o que evidencia máis unha vez o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infantil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.

O gañador do premio, Héctor Cajaraville, engade este galardón a unha cada vez máis crecente vitrina de premios. No 2015 acadara o Raíña Lupa de Literatura Infantil coa novela Vidas cruzadas e o Xerais de novela por De remate. Este mesmo ano gañou o Ánxel Fole de narrativa curta 2016 por Once portas. Co premio Meiga Moira, ademais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso, Cajaraville verá publicada antes de finais de ano Denébola a Roxa en Baía Edicións, na súa colección Meiga Moira.