Print this page

GÁLIX nomea Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández

Rate this item
(0 votes)
GÁLIX nomea Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández Foto: Gálix

A xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández, experta en Literatura Infantil e Xuvenil, mestra, crítica literaria e tradutora. O galardón recoñece ás persoas que teñan destacado polo seu traballo a prol da Literatura Infantil e Xuvenil galega.

Chus Fernández é socia fundadora de GÁLIX onde ocupou os cargos de vogal e vicepresidenta. Colabora na revista CLIJ facendo as recensións e artigos sobre a Literatura Infantil e Xuvenil galega. Colabora tamén coa Revista Galega de Educación, coa revista Peonza e con Platero. Mentras durou, colaborou tamén coa relembrada revista Fadamorgana. Forma parte do consello de redacción da revista Criaturas. Foi coordinadora do Seminario Papeles de Literatura Infantil. No ano 2004 recibiu o Premio Xerais á cooperación no labor editorial polo seu traballo como crítica literaria.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro venres, día 15 de novembro, ás 19.30 h. nun acto aberto ao público na librería Lume (A Coruña). O ilustrador Xosé Cobas, amigo da homenaxeada e socio de GÁLIX, realizará a Laudatio. O Presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o seu nomeamento.

Nas anteriores edicións recibiron esta mesma distinción Xavier Senín, David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Marifé Quesada  e Paco Martín.