Print this page

Federico Delicado gaña o VII Premio Compostela de Álbum Ilustrado

Rate this item
(2 votes)

A obra titulada Ícaro, do ilustrador Federico Delicado, vai engrosar a listaxe de obras gañadoras do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, convocado pola editorial Kalandraka e o concello de Santiago de Compostela, e que neste 2014 celebra a súa sétima edición.

Para a edición deste ano presentáronse 255 obras procedentes de 21 países. Entre todas esas obras presentadas, o xurado quixo destacar de Ícaro -como obra gañadora- o feito de se tratar dun traballo “moi contemporáneo”. Ademais, definiu o traballo de Federico Delicado como un traballo “para pensar e sentir” pola súa capacidade para “aguilloar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez”.

O xurado do certame tamén destacou da obra gañadora a súa “perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas”, así como que “non deixa indiferente a ninguén”, facendo “dubidar” os lectores sobre “onde comeza a realidade e onde remata a fantasía”.Dende o punto de vista artístico, consideraron que rende “homenaxe aos grandes creadores, Franz Kafka e Eduard Hopper”. A calidade plástica das ilustracións reflíctese, subliñou o xurado, “nas atmosferas creadas que engaden profundidade e densidade á lectura”, con pistas que se apuntan en cada imaxe abrindo “a posibilidade a novas interpretacións”.

O xurado estivo formado polo ilustrador portugués João Vaz de Carvalho, a escritora Fina Casalderrey, a mestra Ángeles Abelleira, Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, o xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e a concelleira de Educación, Patricia Castelao.

Ademais de acordar por maioría que Ícaro sexa a obra gañadora, o xurado do VII Premio Internacional Compostela declarou finalista o álbum titulado Sonho com asas, das portuguesas Fátima Afonso e María Teresa Martinho Marques.

Federico Delicado (Badaxoz, 1956) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional elaborando materiais audiovisuais e traballos para prensa. Participou en exposicións de pintura e escultura. Nos últimos años publicou numerosos libros para público infantil e xuvenil. Coa consecución deste premio, ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, verá a súa obra publicada nas cinco linguas peninsulares.

 

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati