Print this page

Fallados os premios da XVI edición do Ánxel Casal

Rate this item
(0 votes)

Os membros do xurado do concurso literario Ánxel Casal, presidido pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón, deu a coñecer os gañadores da XVI Edición, que neste caso recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia e Boiro. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia.

Na modalidade de poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, "hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra". O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras foi merecente segundo o xurado do segundo premio.

No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual.

En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada, de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que non é conto, que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva, de Vilalba, co título Os ollos da pantasma.