Print this page

Este verán contará moito ler

Rate this item
(0 votes)

Os libros e a lectura serán os protagonistas do verán nas bibliotecas públicas municipais de Galicia coas 81 actividades que ofrecerá o programa Ler conta moito durante a época estival. Ata o 21 de setembro, esta iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do goberno de Galicia en colaboración cos concellos chegará ás bibliotecas e axencias de lectura públicas dun total de 54 localidades das catro provincias galegas.

Ames, Bande, A Baña, Boqueixón, Bóveda, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Campo, Lameiro, Carballedo, Carballo, Cariño, Carnota, Celanova, Coirós, A Coruña, Covelo, Illa de Arousa, A Lama, Moaña, Moeche, Muxía, Neda, Nogueira de Ramuín, Ordes, Ortigueira, Ourol, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Ponte Caldelas, As Pontes de García Rodríguez, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Riós, Rois, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Santiso, O Saviñao, Sobrado, Valga, O Valadouro, Veiga, Verín, Viana do Bolo, O Vicedo, Vigo, Vilanova de Arousa, Vilar de Barrio, Xermade, Xove e Zas serán os escenarios nos que se levarán a cabo as preto de 80 actividades de Ler conta moito para espertar o interese pola lectura e para achegar a cidadanía ao espazo da biblioteca.

Sesións de contacontos participativos, obradoiros de poesía, de ciencia ou de arte, espectáculos de maxia e teatrais, actividades para a creación de audiocontos, narracións musicadas e encontros con ilustradores son algunhas das actividades deste programa dirixido a públicos diversos, con especial atención aos máis novos.

Os contos do chupete, con teatro, danza e música para os máis miúdos da casa; Entre libros anda a maxia, a cargo de Leo Leíño; Conto espress, con Sarabela Teatro; o espectáculo teatral de Pitusa Semifusa, con Xiana Lastra e Olga Brañas; BiblioCanta, cun achegamento ao cancioneiro popular galego; e a divulgación científica de Carmiña miudiña, a pinga que quería ser científica son algunhas das propostas que percorrerán neste verán as bibliotecas públicas para dinamizar a lectura.

As artes plásticas tamén estarán presentes na programación. Co gallo da homenaxe a Maruja Mallo polo Día das Artes Galegas 2017, Ler conta moito inclúe tamén na programación un obradoiro creativo a cargo de Mirari no que nenos e nenas de 5 a 12 anos terán ocasión de aprender a realizar un autorretrato ao estilo da artista, a partir do seu cadro titulado Ciclista. Así mesmo, a autora de Viveiro centra a actividade Arte nos libros!, xunto con Leonardo da Vinci, Velázquez, Van Gogh, Picasso, Luís Seoane e Maruja Mallo.

As actividades do programa poden consultarse na rede, na Axenda de Cultura de Galicia www.cultura.gal/axenda ou na páxina da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia http://rbgalicia.xunta.gal/gl/recursos-para-profesionais/ler-conta-moito. No transcurso do programa, as bibliotecas tamén comparten o relato das actividades realizadas no blog http://blogs.xunta.gal/lercontamoito/