Print this page

Escarlatina, a cociñeira defunta, entra na lista de honra do IBBY

Rate this item
(0 votes)

Un novo éxito para Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), de Ledicia Costas. Tras recibir o premio Merlín 2014, esta novela para público infantil acaba de ser seleccionada para formar parte da Lista de Honra do IBBY no bienio 2015-2016.

A Lista de Honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil) é unha selección bienal de libros de recente publicación, na que se destacan os escritores, ilustradores e tradutores que os realizaron. Ten como obxectivo divulgar estes títulos tanto a nivel nacional como internacional. É, ademais, unha das actividades máis efectivas e difundidas. Os criterios de selección son moi estritos, xa que os libros escollidos “ensinan a mirar os diversos contextos culturais, políticos e sociais nos que viven e medran os nenos”, segundo afirman dende o IBBY.

Canda Escarlatina, a cociñeira defunta, tamén se escolleu para formar parte da Lista de Honra do IBBY o libro Bisa Bea, Bisa Bel, neste caso na modalidade de tradución. Ramón Nicolás foi o encargado de pasar ao galego esta tenra historia de amor entre unha nena e a súa bisavoa escrita por Ana María Machado, unha das autoras máis importantes da literatura infantil e xuvenil brasileira. Bisa Bea, Bisa Bel está publicada pola editorial Galaxia.