Print this page

Do 7 ao 9 de abril Vilagarcía de Arousa acolle unha nova edición do Lectoriño

Rate this item
(0 votes)

A mostra do libro infantil e Xuvenil 'Lectoriño' regresa ao Auditorio de Vilagarcía de Arousa entre o 7 e o 9 de abril co obxectivo de achegar a nenos e nenas ao mundo dos libros e animalos a ler. A Concellería de Xuventude e Solidariedade volve a organizar un atractivo programa no que se mestura a exposición de libros e contos con actuacións musicais, teatrais e de maxia a través das que introducirse na literatura dende outras perspectivas.

Esta será a catorce edición do Lectoriño, un evento co que se conmemora o Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril, e que está deseñado para toda a familia e que conta con contidos atractivos para toda as idades. O programa desenvolverase o xoves 7, o venres, 8 e o sábado 9 de abril en horario de tarde. As actividades comezarán os tres días ás 17.30 h. coa apertura da sala de lectura e da mostra na que este ano amosan as súas novidades literarias para público infantil e xuvenil seis editoriais e na que tamén colaboran a delegación provincial da concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro.

A demais a zona de lectura estará ambientada dun xeito moi especial recreando os escenarios do conto Lara, a escritora que aínda non sabía escribir e que dará orixe a unha dos obradoiros a celebrar durante a mostra. Así, recrearanse tres dos espazos da obra que porá en escena o Centro Galego de Filosofía para nenos a través do seu Proxecto Miroscopio: O Bosque de Faxilde, A Parede Triste e A Parade Alegre, espazos máxicos creados mediante a utilización de material de refugallos como papel, cartón ou tea pintada.

O programa ábrese pois, o xoves 7 de abril ás cinco e media da tarde. As 18.00 h. terá lugar a representación de Monicreques do conto O traxe novo do rei a cargo da compañía Tarabelos Teatro. Os actos da sesión inaugural pecharanse coa actuación da Banda de Música de Vilagarcia que para a ocasión preparou unha montaxe musical adaptada ao público infantil sobre a universal obra de Cervantes El Quijote.

O programa do venres inclúen un singular e divertido obradoiro que impartirá o centro galego de Folosofía para nenos sobre o conto Lara, a nena escritora que aínda non sabe escribir e que comezará ás 18.00 h. Ao remate desta actividade Teatro Caramuxo porá en escena a obra de monicreques Historia dunha semente.

O sábado rematará esta nova edición do Lectoriño e para a ocasión Títeres Tanxarina representará o seu espectáculo de luvas titulado O Narigudo. A actuación comezará ás 18.00 h. Unha hora máis tarde clausurarase a mostra do libro infantil e xuvenil de Vilagarcía cun espectáculo de maxia a cargo do Mago Cali.

A concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, salientou a importancia que ten para o desenvolvemento dos cativos familiarizarse cos libros dende moi pequenos, co obxecto de que vaian adquirindo o hábito de manexalos primeiro e, unha vez que aprenden a ler, lanzase á aventura da lectura. Lorenzo agradeceu a colaboración das editoriais e entidades que participan no Lectoriño tanto como patrocinadoras como de colaboradoras. Entre as primeiras, que son as que aportan libros que son doados ao Concello, figuran as editoriais Xerais, Kalandraka e Factoría K, Everest Galicia, Edicións do Castro e a delegación da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra. No apartado de colaboradoras participan nesta edición da mostra a Editorial Ir Indo, A Nosa Terra Edicións, Editorial Galaxia e a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Todas elas contribúen mediante o préstamo de libros.