Print this page

Diana Varela Puñal gaña o V Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

Rate this item
(0 votes)
Diana Varela Diana Varela Foto: AELG

A novelista, poeta e editora pontecesá Diana Varela Puñal resultou gañadora da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes pola obra A conxura. A novela impúxose así a un total de quince orixinais que foron avaliados nesta ocasión por un xurado formado polos membros do membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández, e polo crítico Armando Requeixo.

A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro, data na que cada ano a Fundación que leva o nome do autor de Gres celebra o Día de Neira Vilas, e que nesta ocasión se vai celebrar no Auditorio Municipal de Vila de Cruces.

A conxura constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticos e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, malia a súa certa autonomía, logran enfiar con solvencia o inicio e o final. A trama resólvese, ademais, dun xeito maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados outros procedentes dos eidos da música ou do cinema.

Diana Varela Puñal suma o premio Neira Vilas a outros logrados anteriormente como o Premio de Poesía Díaz Jácome por Afirmación en nove contos e o Premio de Poesía Uxío Novoneyra polo poemario Fíos. Ademais, xa fora galardoada no 2012 co Premio Estornela de Teatro por Arlequino Viceversa, que naquela altura convocaba a Fundación Xosé Neira Vilas. No eido da narrativa, publicou Fin de festa e Diario sen datas dunha aborixe galega.

O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta está dirixido a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil, co obxectivo de estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega, así como proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela. En anteriores edicións resultaron seleccionas as obras: Esca, de Antonio Piñeiro; Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo; O home de negro, de An Alfaya e Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez. Os catro libros premiados foron publicados por Edicións Embora.