Print this page

"Desde 1880", do italiano Pietro Gottusso, gaña a XIII edición do Premio Internacional "Compostela" de Álbums Ilustrados

Rate this item
(0 votes)

O XIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados xa ten obra gañadora. Trátase da obra presentada baixo o lema Desde 1880, do italiano Pietro Gottusso.

Desde 1880 impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 384 proxectos procedentes de lugares como Italia, Taiwán, República Dominicana, Portugal, Suíza, Brasil, Gran Bretaña, Uruguai, Francia, Polonia, Ecuador, México, Rusia, Sri Lanka, Estados Unidos, Alemaña, Turquía, Austria, Lituania, Bélxica, Arxentina, Irán, Euskadi, España....

Da obra do romano Pietro Gottuso, o xurado destacou que "é un álbum ilustrado sen palabras, unha narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos". A historia transcorre ante un edificio dunha cidade, baixo a mirada de Cronos, no que está situada unha libraría. Utiliza unha "técnica pictórica moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo", afirman.

Como obra finalista quedou a que leva por título Bóla, presentada por Maite Gurrutxaga Otamendi, de Euskadi. É un álbum que, segundo explica o xurado, "relata a historia dunha nena que se enfronta e supera os seus medos. Destaca a forza das imaxes, a sobriedade da cor (só tres) sobre un debuxo limpo e tamén a narrativa visual do álbum. Habendo outros libros sobre este tema, a solución final resulta moi creativa".

Ademais, o xurado determinou concederlle unha mención especial ao traballo presentado por Lucía Franco (Uruguai) e Natacha Ortega (Arxentina), pola obra Pájaros. Salientan desta proposta "o valor do seu texto poético e musical en perfecta harmonía coa proposta gráfica".

Pietro Gottuso naceu en Verona (Italia) en 1987. Graduouse primeiro en Filosofía (2007) e logo en Linguas Orientais Antigas (2015). Máis tarde, fascinado polo poder comunicativo das imaxes, decidiu realizar estudos nunha escola de ilustración (2017-2019) para lanzarse por completo ao mundo artístico. Foi finalista no concurso Renner, Premio per il Contemporáneo, 2018, e finalista tamén no concurso internacional Humor a Gallarate XXIV Edition. Obtivo obra destacada no concurso convocado con ocasión da 30 Biennale Internazionale dell’Umorismo nell’Arte, que foi elixida como cartel do evento e finalista no concurso Premio di Illustrazione Sansperarte Paese Museo.

O xurado desta edición estivo formado pola educadora e escritora Pilar Sampedro Martínez; a xornalista e libreira Paz Gil Soto; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador Xosé Cobas Gómez; o ilustrador Alberto Urdiales Valiente, e a coordinadora de Kalandraka Editora, Manuela Rodríguez Lorenzo. Exerceu de secretaria Beatriz Morales, responsable do Departamento de Educación.

O Premio Internacional Compostela Álbums Ilustrados está organizado polo Concello de Santiago de Compostela, en colaboración coa editorial Kalandraka.