Print this page

David Pintor, premiado nos Emiratos Árabes

Rate this item
(3 votes)

David Pintor, un dos nosos ilustradores máis internacionais e recoñecidos, acaba de recibir o 2º premio de ilustración do Festival Internacional de Literatura Infantil de Sharjah, nos Emiratos Árabes, polas ilustracións do libro de poemas Almanaque musical, publicado recentemente por Kalandraka editora.

O ilustrador coruñés acudiu persoalmente a recoller o galardón e participou -xunto co ilustrador mexicano Gabriel Pacheco, gañador do 1º premio do certame- nun obradoiro de debuxo dirixido a público escolar. As ilustracións de Almanaque musical permaneceron expostas no recinto feiral ata a finalización do festival.

Almanaque musical contén doce poemas, un para cada mes do ano, nos que o fío condutor é a música clásica, cos intérpretes dunha peculiar orquestra de intrumentos de corda. Os versos de Antonio Rubio evocan o tempo, o pentagrama, a batuta, a ritmo de valse e alalá, sinfonía, tocata e romaría.

Cos seus inseparables violíns, violas e violonchelos, e elegantemente conxuntados, os músicos que retrata David Pintor adoptan posicións e situacións divertidas, fóra do habitual contexto dunha sala de concertos. Uns de aparencia humana e outros do reino animal, forman un grupo fantástico que para si quixeran os mellores compositores.