Print this page

Cultura publica dúas guías para fomentar a lectura entre os lectores máis novos

Rate this item
(0 votes)

Facilitarlles ás familias e aos mediadores propostas, ideas e experiencias para a animación á lectura entre os máis novos é o principal obxectivo dos dous novos materiais que a Consellería de Cultura do goberno galego acaba de poñer ao dispor da cidadanía a través da páxina web www.cultura.gal, e que tamén se poderán consultar na libraría institucional da Xunta.

A lectura, unha chave de futuro e Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores son os títulos destas dúas ferramentas en liña, que nacen co fin de incentivar o gusto e o hábito lector entre o público infantil.

O manual A lectura, unha chave de futuro, coeditado xunto con Ronsel de Ideas, pretende animar á lectura e concienciar as persoas responsables de educar os máis pequenos da importancia do hábito lector, para o que presenta ferramentas de utilidade coas que inculcarlles a lectura aos cativos, especialmente aos que están na franxa de 1 a 10 anos.

Orientacións sobre o tipo de libros recomendables segundo as idades, suxestións para abordar a lectura dixital e reflexións sobre a utilidade de familiarizar os cativos coas bibliotecas e as librerías son algúns dos contidos deste manual, que inclúe un apartado específico con propostas de actividades para achegar os máis novos á lectura.

O manual acompáñase con varios vídeos dispoñibles tamén en www.cultura.gal nos que escritores e escritoras, profesores e axentes culturais de diferentes perfís comparten as súas experiencias e opinións arredor dos libros e da lectura nas primeiras idades.

Pola súa banda a Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores, coeditada por ELOS-Galicia, baixo a coordinación da profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, ofrece unha selección das obras deste xénero máis relevantes da literatura infantil e xuvenil galega, co fin de facilitar e acompañar a tarefa do mediador na selección de textos e na planificación da educación literaria.

Cada un dos títulos, da autoría de Fina Casalderrey, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz, Xoán Babarro e Ana María Fernández, e Paula Carballeira, acompáñase de información sobre o contexto das obras e os escritores, xunto cunha serie de actividades para traballar cos textos elixidos en diferentes espazos formativos e lúdicos.

As dúas guías, xunto con outros materiais de interese destinados á animación á lectura na familia, están dispoñibles na rede a través desta ligazón enlace.