Print this page

Cultura convoca os clubs de lectura para o curso 2017/18

Rate this item
(1 Vote)
Cultura convoca os clubs de lectura para o curso 2017/18 Foto: Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do goberno de Galicia acaba de publicar a convocatoria para a constitución de clubs de lectura en centros educativos que acollan alumnado de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial ao longo do curso 2017/18. Cultura destinará unha partida de 215.000 euros a este fin, un orzamento dirixido á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar. Unha porcentaxe da asignación, non superior ao 25%, poderá destinarse a sufragar as actividades programadas para o funcionamento do club (encontros con autores e outras).

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Os clubs estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura do noso país. Así mesmo, primaranse as que fomente a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, serán valoradas de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Poderán presentar solicitude aqueles centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca e que o inclúan na Programación Xeral Anual do centro para o curso 2017/18 ou, no seu defecto, que o comuniquen ao claustro e ao consello escolar no presente ano 2017. A convocatoria pode consultarse aquí.

No curso 2016/17 participaron nos clubs de lectura máis de 11.000 lectoras e lectores, vinculados a 243 centros educativos.