Print this page

Contos a lume manso no Salón do Libro de Pontevedra

Rate this item
(0 votes)

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrará neste 2014 a súa edición número 15, e manterá os fogóns do Pazo da Cultura traballando a reo para levar a cabo as 135 actividades que compoñen a oferta deste ano, que levará por título Cociñando contos.

Moitas son as novidades das que poderán gozar nesta edición, comezando pola homenaxe colectiva para todos os autores/as foron homenaxeados/as en edicións anteriores: María Victoria Moreno, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre.

Para darlle unha maior relevancia aos centros escolares colaboradores, que este ano son un 25% máis ca o ano pasado, contarase con eles na inauguración, explicando o proceso creativo dos seus traballos, expostos na Sala de Exposicións.

As actividades do Salón do Libro non só se desenvolverán no Pazo da Cultura, serán numerosas as accións que o Salón leve a cabo nas rúas e establecementos de Pontevedra.

Adentrándonos na programación, referida á matinal concertada con centros escolares, durante a primeira semana e parte da segunda serán case 3.000 nenos/as de 1º, 2º e 3º ciclo de primaria os que acudan aos contacontos e obradoiros diarios. Pola súa parte, os centros colaboradores de educación infantil (1600 nenos/as) asistirán os días 1, 2 e 3 de abril ás 6 sesións de Martes, Espectáculo infantil deseñado por Baobab Teatro para o Salón do Libro, inédito e con pases para público familiar ás 18.30 h. (3€). Esta formulación de trocar os contacontos aos que viñan asistindo os máis pequenos, responde a un afán por adaptar a actividade as idades dos máis pequenos/as.

Para os centros de secundaria, a actividade será Feitizo de Sangue un obradoiro organizado pola editorial Galaxia coa escritora Sabela González, lectura das novas páxinas do segundo tomo da triloxía Unha Nova Viaxe por Landereina (Galaxia) e coloquio coa autora.

Como ven sendo habitual, os espectáculos para público familiar que se celebrarán polas tardes ás 18.30 h. (3€), contarán con varios pases concertados con escolares, tanto de infantil e primaria como secundaria que reunirán preto de 4.000 nenos/as, aos que hai que sumar procedentes dos 50 centros os que se achegarán ao Salón só para visitalo ou facer roteiros guiados.

Os adolescentes contarán cun programa a parte Pásate polo recinto, cheo de actividades e obradoiros apropiados a súa idade: fotografía, cociña, curtametraxes e ciclo de cine, así coma un espazo para ler as últimas novidades da literatura xuvenil na Sala VIP.

Numerosos obradoiros familiares, abertos ou con prazas limitadas, para todas as idades, contacontos, actividades para bebés, espectáculos inéditos e estreas, etc completan a programación que contará ao longo de 23 días nos que o Salón do Libro permanecerá aberto en horario de tarde de 17.00 h. a 20.30 h. e os sábados e domingos tamén de 11.00 h. a 14.00 h.

Pódese consultar toda a programación na web www.salondolibro.org e www.pazodacultura.org onde aparecen detalladas todas as actividades, o prezo no caso de ter custe, o xeito de mercar as entradas, as prazas dos obradoiros no caso de ser limitadas e a forma de inscrición para os que a requiran.