Print this page

Contando e cantando coa familia C. Campaña de animación á lectura en Santiago de Compostela

Rate this item
(0 votes)

A Concellería de Educación de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora, coa colaboración coa Galería Sargadelos e da Deputación da Coruña, organizan a XI Campaña Municipal de Animación á Lectura, que arrancará mañá e vaise prolongar ata o 30 de abril, con sesións de contacontos e obradoiros para escolares, xornadas formativas para o profesorado, exposicións, encontros con ilustradores e actividades abertas ás familias, e onde se agarda que chegue a máis de 5000 nenos e nenas de Santiago e da súa bisbarra.

O programa inclúe unha serie de actividades diarias, a desenvolver na Galería Sargadelos e destinadas aos centros de educación infantil e primaria. Realizaranse sesións de contacontos, visitas guiadas á exposición e dous tipos de obradoiros. Nun destes talleres, de ilustración, Óscar Vilán achegará aos máis pequenos ao proceso de creación dun libro ilustrado. No outro, de escrita creativa, os escolares aproximaranse á creación literaria a partir do libro Compostela, de David Pintor. Tamén haberá obradoiros de escrita a cargo de Alberto Barreiro "Warren".

Esta edición, co lema “Contando e cantando coa Familia C”, en alusión á obra que en 2010 gañou o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, transformará a Galería Sargadelos, que nesta edición vaise converter “nun pequeno museo” cunha ambientación circense, vencellada á temática do libro de Pep Bruno e Mariona Cabassa.

No eido formativo salienta a presenza en Compostela do ilustrador Roberto Innocenti, un dos máis sobranceiros e premiados da actualidade, que manterá un encontro con profesores, bibliotecarios e especialistas nun acto que se celebrará na Fundación Caixa Galicia o 7 de abril.

O programa complétase cunha serie de actividades abertas, como as sesións de contacontos para bebés Do berce á lúa, o 2 de abril na Galería Sargadelos. Os contos e a música para as familias tamén terán unha sesión específica o 9 de abril.

A XI Campaña de Animación á Lectura clausurarase o 30 de abril cunha actividade especial. Nenos, pais e profesores compartirán unha sesión con contos, música e algunha sorpresa máis, acompañados polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

Cómpre recordar tamén que, no marco desta Campaña, o 8 de abril darase a coñecer polo xurado o nome do traballo gañador do IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.