Print this page

Compostela acolle a XV Campaña Municipal de Animación á Lectura

Rate this item
(0 votes)

Compostela acollerá ata o 9 de maio diversas actividades enmarcadas na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora, que este ano leva por título "Ler é voar". Espérase que máis de 5.000 escolares de escolas infantís e centros e infantil e primaria de Santiago e comarca participen nesta Campaña.

Esta XV Campaña de Animación á Lectura 2015 leva por título "Ler é voar" e está baseada no traballo de Federico Delicado, cuxa obra Ícaro resultou gañadora do último Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados.

Esta iniciativa desenvolverase ata o 9 de maio e comprende un conxunto de actividades en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado e os nenos e as nenas de Santiago e comarca. Están previstas visitas guiadas a exposicións, sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de escritura creativa e sesións abertas de contos e música para as familias.

Participarán na mesma máis de 30 colexios pero tamén haberá actividades abertas a todo o público, como unha charla de Federico Delicado dirixida a educadores e aberta á participación da cidadanía compostelá, o xoves 9 de abril, ás 18.30 h., co lema “O voo do debuxante”, na que vai detallar as claves creativas de “Ícaro”. O sábado 25 de abril haberá dúas sesións de contacontos para bebés, ás 11.30 h. e ás 12.30 h., con reserva previa, destinadas a iniciar no libro e na lectura os pre-lectores, as súas nais e pais, con materiais específicos á idade dos meniños, como a colección de contos “Do berce á lúa”, de Kalandraka, baseada no concepto de pictograma poético ou poegrama. Tamén haberá unha sesión de contos e música para as familias, o sábado 11 de abril ás 12.00 h. Igualmente, a clausura da XV Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se celebrará o sábado 9 de maio ás 12.00 h., estará dirixida a nenos e nenas, nais e pais, profesorado e persoas interesadas.

Tamén, dentro do marco da XV Campaña de Animación á Lectura darase a coñecer o fallo do xurado do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, un dos premios máis recoñecidos a nivel internacional e que leva o nome da capital de Galicia ás feiras do sector máis importantes do mundo.

 

 

Download attachments: