Print this page

Cen soños da man de Manuel María

Rate this item
(0 votes)

A Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo presentou, na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei, o programa Cen soños... con Manuel María, unha iniciativa posta en marcha desde a institución provincial en colaboración coa Fundación Manuel María, destinada a valorar e dar a coñecer entre o alumnado dos Centros de Ensino a un dos escritores máis prolíficos e socialmente relevantes da segunda metade do século XX en Galicia.

O programa, que está dirixido a alumnas e alumnos de primaria dos CEIP’s da provincia de Lugo, permitirá que os centros de ensilo lucenses, a maiores das visitas guiadas á Casa Museo Manuel María, rehabilitada co apoio da área de Cultura da Deputación, poidan desenvolver na propia casa diferentes obradoiros de xeito totalmente gratuíto, como animación á lectura especializados na obra e na figura do escritor chairego, así como outras actividades relacionadas co coñecemento de Manuel María desde unha perspectiva didáctica e á vez lúdica.

As visitas faranse en grupos de ata 50 nenas e nenos a desenvolver ao longo do curso escolar 2013-2014, e iranse cubrindo por estrita orde de entrada de solicitude no rexistro da Deputación. Os centros que queden fóra da convocatoria permanecerán en reserva, seguindo a orde de entrada para sucesivas quendas deste programa. A área de Cultura asume o custe das visitas á Casa Museo e a realización dos obradoiros, mentres que os restantes gastos serán cubertos polo Centro de Ensino.

Para completar a xornada, a área de Cultura propón actividades alternativas como a visita a Santa Isabel de Outeiro de Rei, visita a Penas de Rodas, ou a visita ao obradoiro de instrumentos tradicionais de Xaneco Tubío, coas que os rapaces e rapazas poderán coñecer lugares que están presentes na obra de Manuel María.